Outurelos

Negueira de Muñiz

Outurelos elabora mel artesán de montaña e recupera a cultura abelleira tradicional, coidando as abellas, os cortinos e o territorio.

A nosa historia

Alberto Uría quixo, hai once anos, desandar o camiño que levou á súa familia a emigrar de Pena da Nogueira, unha aldea de Negueira de Muñiz no límite con Asturias. Logo de estudar dereito e enxeñaría forestal, convencido de que o seu era o campo, viu nas abellas unha escusa perfecta para volver ao rural. Nunca esquecerá o que lle dixo a súa avoa cando lle levou o seu primeiro tarro: “mel, coma a de toda vida”. Iso que para ela era normal, o tempo fixérao extraordinario. Ese foi o pulo, non só para recuperar o mel, senón o país -termo que utiliza fiel á súa acepción primeira de territorio vivido-, do abelleiro.

A produción anual deste abelleiro que só vende mel propia baixo a marca Outurelos varía entre as tres toneladas e a tonelada e media. Non todos os anos sabe igual, pois non sempre as sete variedades da uz presentes na zona florecen do mesmo xeito, nin tampouco as silvas, xestas ou castiñeiros. Iso si, o manexo sempre é artesán, tradicional, responsable da convivencia entre o ser humano, a abella e o oso, convivencia que modelou esa arquitectura circular de alvarizas, ‘cortinos’ na zona. De feito, Alberto produce cada ano unha edición limitada cuxos beneficios dedica integramente á recuperación e posta en valor destes cortinos.

Ter as abellas no monte dálle máis traballo, pero máis satisfacción tamén. Sabe que o seu valor ambiental reside nese manexo, e que ese valor, cando é sabido, tamén é saboreado. Que unha culler de mel pode emocionar. Para comunicar esa cultura herdada, Alberto Uría escribiu o libro El País del Abeyeiro, que hoxe dá tamén nome ao seu Ecomuseo en Pena da Nogueira, un lugar que acolle visitas guiadas e cursos sobre a apicultura tradicional e outros saberes. Un lugar que é un país enteiro.

Galería

Vídeo

Os datos de Outurelos

Teléfono

636 209 880

email

hola@elpaisdelabeyeiro.com

Localización

Coñece todos os nosos produtores

Cada produto ten unha historia. Descubre as familias e obradoiros que fan posible Son de Lugo.